ALFONSO CAMBIOU o seu QTH (fogar), para sempre. A súa alma ergueu o vo cedo, moi cedo. A mensaxe confirmouse. QSL (Recibido). O corazón encóllese. Un golpe duro e xeado contén as bágoas e fai que, de súpeto, non creas que a noticia sexa certa. E queres ir ao seu encontro, como se puideses cambiar o sucedido, o QRC (destino).
E queres acompañalo, que te sinta ao seu lado e buscas algunha frecuencia, saber o seu QTM (ubicación), para lle dar unha última mensaxe. Recíbesme, recíbesme, cambio…….QRV (a escoita).
A pesar do silencio, sabes que está aí, ao outro lado, como sempre estivo, QRV (á escoita) e que, de cando en vez, contestará; porque a súa voz e a súa amizade quedou gravada na memoria prioritaria (MR-Prio) do noso cerebro, nos megahercios da nosa vida.
Alfonso era un traballador a tempo completo e atopou a morte traballando, (no seu Laboro). El era un gran traballador. A Hard worker. Full time. E ese espírito de traballo fixo que erguese o vo cedo, moi cedo.
Un esvarón, talvez un despiste, unha décima de segundo vólvenos axiña sombra, cinza.
Radio Galega (como dicías ti), ergueches o vo cedo, moi cedo nunha tarde do mes de maio e ao despedirte gustaríanos como expresou un poeta, escarbar a terra e volverte á vida porque temos aínda que falar moitas cousas. E seguiremos falando. Quedamos QRV e seguiremos falando; porque a nosa amizade é eterna, inmensamente eterna.